Saturday 04 de May de 2024

A Xunta pon en marcha a segunda fase do Plan de Sendas con 50 novos quilómetros de viais seguros e integrados na contorna das comarcas de Lugo, Ourense, O Morrazo e Pontevedra


Asevera que a segunda fase ten un investimento de 10 millóns de euros

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou, na rolda de prensa do Consello a posta en marcha da segunda fase do Plan de Sendas, con 50 novos quilómetros de viais seguros e integrados na contorna das comarcas de Lugo, Ourense, O Morrazo e Pontevedra.

Cun investimento de 10 millóns de euros adicionais, Feijóo precisou que O Morrazo contará con 8 sendas o que suporá unha lonxitude de case 10 quilómetros. E, en Ourense, executaranse 13 sendas ao longo de máis de 16 Km en 12 concellos: Amoeiro, Barbadás, Coles, Esgos, Nogueira de Ramuín, Ourense, Pereiro de Aguiar, A Peroxa, San Cibrao das Viñas, Taboadela, Toén e Vilamarín.

No caso da comarca de Pontevedra, cos concellos de Pontevedra, Poio, Barro, Campo Lameiro, Cotobade, A Lama, Pontecaldelas e Vilaboa, realizaranse 16 itinerarios en case 16 quilómetros. E, as seis sendas que se realizarán en Lugo, nos concellos de Castroverde, Corgo, Friol, Guntín, Lugo, Outeiro de Rei, Portomarín e Rábade, terán 7,8 quilómetros de lonxitude.

Así mesmo, subliñou que en todos os casos impulsaranse sendas que terán un deseño con catro características: identidade, seguridade, durabilidade e integración paisaxística, polo que terán pavimento integrado na paisaxe, un bordo que serve de soporte á sinalización, un separador verde como elemento de seguridade e de integración natural, e unha gabia de seguridade que valerá como elemento de recollida de augas pluviais e como superficie transitable por un vehículo en caso de emerxencia.

“Estamos a falar, polo tanto, de 50 novos quilómetros de sendas, é dicir, 50 novos quilómetros seguras e integradas na paisaxe”, dixo, subliñando que en total Galicia vai contar con 125 quilómetros de sendas.

O titular da Xunta lembrou que con esta segunda fase, consolídase un plan concibido a partir dun estudo detallado de cales son as necesidades neste ámbito; é dicir, despois de priorizar zonas de actuación e de facer os estudos pertinentes para poder, dentro delas, identificar os treitos prioritarios.

Sobre este punto, subliñou que o que se ten demostrado é que os máis eficientes son para distancias de ata 7 quilómetros e, a maior parte dos desprazamentos que realiza a poboación a diario, son en torno a esta lonxitude. O tope de distancia asumible para a mobilidade cotiá en bicicleta está nuns 12 quilómetros; e, en canto á mobilidade cotiá peonil, o tope adoita estar nuns 4-5 quilómetros, sendo as distancias da orde de 2 quilómetros as máis habituais.

Deste xeito, e en base a estes parámetros, determináronse en total 11 áreas: sete incluídas nunha primeira fase e outras catro nesta segunda.

No tocante á primeira fase, o titular da Xunta explicou que, cun investimento de 29 millóns de euros, xa se teñen avanzado notablemente nas 55 sendas que se proxectaron, que supoñen 75 quilómetros de novos. Non en van, a día de hoxe: a metade dos proxectos, 24, están xa redactados, e a outra metade ultimando o traballo para a súa definición.

Dos redactados, 4 están en execución, 4 foron sometidos a información pública a efectos expropiatorios e 2 están pendentes de licitación. E está prevista a licitación inmediata, nas vindeiras datas, de varios destes proxectos.